1

Iamos hai tantos anos por unha estrada de Castela, e vimos, alá ao lonxe, no campo, unha escena que me removeu e que me serviu en moitas ocasións para facer oración: varios homes chantaban con forza, na terra, os esteos, que despois utilizaron para ter suxeita verticalmente unha rede, e formar o ovil. Máis adiante, achegáronse a aquel lugar os pastores coas ovellas, cos años; chamábaos polo seu nome, e un a un entraban no ovil, para estaren todos xuntos, seguros.

E eu, meu Señor, hoxe lémbrome de modo particular deses pastores e dese ovil, porque todos os que aquí nos atopamos reunidos —e outros moitos no mundo enteiro— para conversar Contigo, sabémonos metidos no teu curro. Ti mesmo o dixeches. Eu son o Bo Pastor, e coñezo as miñas ovellas e as miñas ovellas coñécenme a min1. Ti coñécenos ben; cónstache que queremos oír, escoitar sempre atentamente os teus asubíos de Pastor Bo, e secundalos, porque a vida eterna consiste en coñecerte a Ti, só Deus verdadeiro, e a Xesucristo a quen Ti enviaches2.

Tanto me namora a imaxe de Cristo arrodeado a dereita e a esquerda polas súas ovellas, que a mandei poñer no oratorio onde habitualmente celebro a Santa Misa; e noutros lugares fixen gravar, como espertador da presenza de Deus, as palabras de Xesús: cognosco oves meas et cognoscunt me meae3, para que consideremos en todo momento que El nos reprocha, nos instrúe e nos aprende como o pastor ao seu rabaño4. Moi a propósito vén, pois, esta lembranza de terras de Castela.

Notas
1

Ioh X, 14.

2

Ioh XVII, 3.

3

Ioh X, 14.

4

Cfr. Ecclo XVIII, 13.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma