100
Cando o orgullo se fai dono da alma, non é estraño que detrás, como unha reata, veñan todos os vicios: a avaricia, as intemperanzas, a envexa, a inxustiza. O soberbio intenta inutilmente sacar do solio a Deus, que é misericordioso con todas as criaturas, para acomodarse el, que actúa con entrañas de crueldade.
Temos que pedir ao Señor que non nos deixe caer nesta tentación. A soberbia é o peor dos pecados e o máis ridículo. Se logra atenazar coas súas múltiples alucinacións, a persoa atacada vístese de aparencia, énchese de baleiro, enfónchase coma o sapo da fábula, que inchaba o papo, presumindo, ata que estoupou. A soberbia é desagradable, tamén humanamente: o que se considera superior a todos e a todo, está continuamente contemplándose a si mesmo e desprezando aos demais, que lle corresponden burlándose da súa vana fatuidade.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/100/ (14-12-2025)