101
Oímos falar de soberbia, e quizais nos imaxinamos unha conduta despótica, asoballante: grandes ruídos de voces que aclaman e o triunfador que pasa, como un emperador romano, baixo os altos arcos, con ademán de inclinar a cabeza, porque teme que a súa fronte gloriosa toque o branco mármore.
Sexamos realistas: esa soberbia só cabe nunha tola fantasía. Temos que loitar contra outras formas máis sutís, máis frecuentes: o orgullo de preferir a nosa excelencia á do próximo; a vaidade nas conversacións, nos pensamentos e nos xestos; unha susceptibilidade case enfermiza, que se sente ofendida ante palabras e accións que non significan de ningún xeito un agravio.
Todo isto si que pode ser, que é, unha tentación corrente. O home considérase, a si mesmo, como o sol e o centro dos que están ao seu arredor. E non raramente recorre, co seu afán morboso, ata a simulación da dor, da tristura e da enfermidade: para que os demais o coiden e o agarimen.
A maior parte dos conflitos, que se presentan na vida interior de moitas xentes, fabrícaos a imaxinación: que se dixeron, que se pensarán, que se me consideran... E esa pobre alma sofre, pola súa triste fatuidade, con sospeitas que non son reais. Nesa aventura desgraciada, a súa amargura é continua e procu-ra producir desasosego nos demais: porque non sabe ser humilde, porque non aprendeu a esquecerse de si mesma para darse, xenerosamente, ao servizo dos outros por amor a Deus.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/101/ (14-12-2025)