102
Un burro por trono
Acudamos de novo ao Evanxeo. Mirémonos no noso modelo, en Cristo Xesús.
Santiago e Xoán, por medio da súa nai, solicitaron de Cristo colocarse á súa esquerda e a súa dereita. Os demais discípulos alporízanse con eles. E o Noso Señor, que contesta?: quen se queira facer maior, ha ser o voso criado; e quen quixese ser entre vós o primeiro, debe facerse servo de todos; porque aínda o Fillo do home non veu a que o servisen, senón a servir, e a dar a súa vida pola redención de moitos17.
Noutra ocasión indo a Cafarnaúm, quizais Xesús —coma noutras xornadas— ía diante deles. E estando xa na casa preguntoulles: de que iades tratando no camiño? Mais os discípulos calaban, e é que tiveran —unha vez máis— unha disputa entre si, sobre quen deles era o maior de todos. Entón Xesús, sentándose, chamou aos doce, e díxolles: se alguén pretende ser o primeiro, fágase o último de todos e o servo de todos. E collendo a un neno púxoo no medio deles e despois de abrazalo, proseguiu: calquera que acollese a un destes nenos polo meu amor, a min me acolle, e calquera que me acolle, non só me acolle a min, senón tamén ao que a min me enviou18.
Non vos namora este xeito de proceder de Xesús? Ensínalles a doutrina e, para que entendan, ponlles un exemplo vivo. Chama a un neno dos que correrían por aquela casa, e apértao contra o seu peito. Este silencio elocuente do Noso Señor! Xa o dixo todo: El ama aos que se fan coma nenos. Despois engade que o resultado desta sinxeleza, desta humildade de espírito é poder abrazalo a El e ao Pai que está nos ceos.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/102/ (14-12-2025)