105
Ao ler a Epístola de hoxe, vía a Daniel metido entre aqueles leóns famentos, e, sen pesimismo —non podo dicir que calquera tempo pasado foi mellor, porque todos os tempos foron bos e molos—, consideraba que tamén nos momentos actuais andan moitos leóns soltos, e nós temos que vivir neste ambiente. Leóns que buscan a quen devorar: tamquam leo rugens circuit quaerens quem devoret25.
Como evitaremos esas feras? Quizais non nos ocorra como a Daniel. Eu non son milagreiro, pero amo esa grandiosidade de Deus, e entendo que lle fora máis fácil aplacar a fame do profeta, ou poñerlle diante un alimento; e non o fixo. Dis-puxo, en cambio, que desde Xudea se trasladase milagrosamente outro profeta, Habacuc, para levarlle a comida. Non lle importou obrar un prodixio grande, porque Daniel non se atopaba naquel pozo porque si, senón por unha inxustiza dos secuaces do diabo, por ser servidor de Deus e destrutor de ídolos.
Nós, sen portentos espectaculares, con normalidade de ordinaria vida cristiá, cunha sementeira de paz e de ledicia, temos que destruír tamén moitos ídolos: o da incomprensión, o da inxustiza, o da ignorancia, o da pretendida suficiencia humana que volve fachendosa as costas a Deus.
Non vos asustedes, nin temades ningún dano, aínda que as circunstancias en que traballedes sexan tremendas, peores cás de Daniel na foxa con aqueles animais voraces. As mans de Deus son igualmente poderosas e, se fose necesario, farían marabillas. Fieis! Cunha fidelidade amorosa, consciente, leda, á doutrina de Cristo, persuadidos de que os anos de agora non son peores cós doutros séculos, e de que o Señor é o de sempre.
Coñecín a un ancián sacerdote, que afirmaba —riseiro— de si mesmo: eu estousempre tranquilo, tranquilo. E así temos que encontrarnos sempre nós, metidos no mundo, arrodeados de leóns famentos, mais sen perder a paz: tranquilos. Con amor, con fe, con esperanza, sen esquecer xamais que, se cómpre, o Señor multiplicará os milagres.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/105/ (14-12-2025)