106
Recórdovos que se sodes sinceros, se vos mostrades como sodes, se vos endeusades, a base de humildade, non de soberbia, vós e mais eu permaneceremos seguros en calquera ambiente: poderemos falar sempre de vitorias, e chamarémonos vencedores. Con esas íntimas vitorias de amor de Deus, que traen a serenidade, a felicidade da alma, a comprensión.
A humildade empúxanos a que levemos a cabo grandes labores; pero a condición de que non perdamos de vista a conciencia da nosa pequenez cun convencemento da nosa pobre indixencia que medre cada día. «Admite sen vacilacións que es un servidor obrigado a realizar un grande número de servizos. Non te enfonches por ser chamado fillo de Deus —recoñezamos a graza mais non esquezamos a natureza—; non te arrufes se serviches ben, porque cumpriches co que tiñas que facer. O sol realiza a súa tarefa, a lúa obedece; os anxos desenvolven o seu cometido. O instrumento escollido polo Señor para os xentís, di: eu non merezo o nome de Apóstolo, porque perseguín á Igrexa de Deus (1 Cor XV, 9)... Tampouco nós pretendamos ser gabados por nós mesmos»26: polos nosos méritos, sempre mesquiños.
Santo Ambrosio, Expositio Evangelii secundum Lucam, VIII, 32 (PL 15, 1774).
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/106/ (14-12-2025)