110
Este limiar da Semana Santa, tan próximo xa o momento no que se consumou sobre o Calvario a Redención da humanidade enteira, paréceme un tempo particularmente axeitado para que ti e mais eu consideremos por que camiños nos salvou Xesús Noso Señor; para que contemplemos ese amor seu — verdadeiramente inefable— a unhas pobres criaturas, formadas con barro da terra.
Memento, homo, quia pulvis es, et in pulverem reverteris1, amoéstanos a nosa Nai a Igrexa, ao iniciarse a Coresma, co fin de que xamais esquezamos que somos moi pouca cousa, que un día calquera o noso corpo —tan cheo de vida agora— desfarase, como a lixeira nube de po que levantan os nosos pés ao andar; disiparase como brétema acosada polas raiolas do sol 2.
Exemplo de Cristo
Pero eu quixera, despois de recordarvos tan cruamente a vosa persoal insignificancia, encarecer ante os vosos ollos outra estupenda realidade: a magnificencia divina que nos sostén e que nos endeusa. Escoitade as palabras do Apóstolo: ben sabedes como foi a liberalidade do Noso Señor Xesucristo que, sendo rico, fíxose pobre por vós, de modo que vós fósedes ricos por medio da súa pobreza3. Fixádevos de vagar no exemplo do Mestre, e comprenderedes deseguido que dispoñemos de tema abundante para meditar durante toda a vida, para concretar propósitos sinceros de máis xenerosidade. Porque, e non me perdades de vista esta meta que temos que acadar, cada un de nós debe identificarse con Xesucristo que —xa mo tendes oído— fíxose pobre por ti, por min, e padeceu, dándonos exemplo, para que sigamos as súas pegadas4.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/110/ (14-12-2025)