112
Bastan uns trazos do Amor de Deus que se encarna, e a súa xenerosidade tócanos na alma, acéndenos, empúrranos con suavidade a unha dor contrita polo noso comportamento, mesquiño e egoísta en tantas ocasións. Xesucristo non ten inconveniente en abaixarse, para elevarnos da miseria á dignidade de fillos de Deus, de irmáns seus. Ti e mais eu, pola contra, con frecuencia enchémonos de orgullo coma parvos dos dons e talentos recibidos, ata convertelos en pedestal para impoñérmonos aos demais, coma se o mérito desas accións, rematadas cunha perfección relativa, dependese exclusivamente de nós: que posúes ti que non acadaras de Deus? E se o que tes, recibíchelo, de que te gabas como se non o recibiras?7.
Ao considerar a entrega de Deus e o seu anonadamento —falo para que o meditemos, pensando cada un en si mesmo—, a vangloria, a presunción do soberbio revélase como un pecado horrendo, precisamente porque coloca á persoa ao estremo oposto ao modelo que Xesucristo nos sinalou coa súa conduta. Pensádeo de vagar: El humillouse sendo Deus. O home, fachendoso polo seu propio eu, pretende enaltecerse a toda costa, sen recoñecer que está feito de mal barro de porrón.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/112/ (14-12-2025)