114
Con esta perspectiva, convencédevos de que se de veras desexamos seguir de preto ao Señor e prestar un servizo auténtico a Deus e á humanidade enteira, temos que estar seriamente desprendidos de nós mesmos: dos dons da intelixencia, da saú-de, da honra, das ambicións nobres, dos trunfos, dos éxitos.
Refírome tamén —porque ata aí debe chegar a túa decisión— a esas ilusións limpas, coas que buscamos exclusivamente dar toda a gloria a Deus e loalo, axustando a nosa vontade a esta norma clara e precisa: Señor, quero isto e aquilo só se a Ti che agrada, porque se non, a min, para que me interesa? Asestamos dese xeito un golpe mortal ao egoísmo e á vaidade, que serpean en todas as conciencias; de paso que acadamos a verdadeira paz nas nosas almas, cun desprendemento que acaba na posesión de Deus, cada vez máis íntima e máis intensa.
Para imitar a Xesucristo, o corazón ten que estar enteiramente libre de afeccións. Se alguén quere vir tras de min, néguese a si mesmo, cargue coa súa cruz e sígame. Pois quen quixese salvar a súa vida, perderaa; mais quen perdese a súa vida por amor a min, encontraraa. Porque, de que lle serve ao home gañar todo o mundo se perde a súa alma? 8. E comenta san Gregorio: «non bastaría vivir desprendido das cousas, se non renunciaramos ademais a nós mesmos. Pero... a onde iremos fóra de nós? Quen é o que renuncia, se a si mesmo se deixa?».
«Sabede que unha é a nosa situación en canto caídos polo pecado; e outra, en canto formados por Deus. Dunha forma fomos creados, e noutra distinta atopámonos a causa de nós mesmos. Renunciémonos, no que nos temos convertido pecando, e manteñámonos como fomos constituídos pola graza. Así, o que foi soberbio, se, convertido a Cristo, se fai humilde, xa renunciou a si mesmo; se un luxurioso cambia a unha vida continente, tamén renunciou ao que antes era; se un avarento deixa de cobizar e, en lugar de apoderarse do alleo, comeza a ser xeneroso co propio, certamente negouse a si mesmo»9.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/114/ (14-12-2025)