116
Pódese dicir que o Noso Señor, cara á misión recibida do Pai, vive ao día, tal como aconsellaba nunha das súas ensinanzas máis suxestivas que saíron da súa boca divina: non vos inquietedes, en orde a vosa vida, sobre o que comeredes; nin en orde ao voso corpo, sobre que vestiredes. Importa máis a vida ca comida, e corpo co vestido. Fixádesvos nos corvos: non sementan, nin segan, nin teñen despensa, nin celeiro; e, non obstante, Deus aliméntaos. Pois, canto máis valedes vós!... Mirade como medran os lirios: non traballan, nin fían; e, non obstante, asegúrovos que nin Salomón, con toda a súa magnificencia, estivo xamais vestido como unha desas flores. Pois, se a unha herba que hoxe medra no campo e mañá bótase ao lume, Deus así a viste. Canto máis fará convosco, homes de moi cativa fe?13.
Se vivísemos máis confiados na Providencia divina, seguros —con fe rexa!— desta protección diaria que nunca nos falta, cantas preocupacións ou inquedanzas aforrariamos. Desaparecerían tantos desacougos que, con frase de Xesús, son propios dos pagáns, dos homes mundanos14, das persoas que carecen de sentido sobrenatural. Querería, en confidencia de amigo, de sacerdote, de pai, traervos á memoria en cada circunstancia que nós, pola misericordia de Deus, somos fillos dese Noso Pai, todopoderoso, que está nos ceos e á vez na intimidade do corazón; querería gravar a fogo nas vosas mentes que temos todos os motivos para camiñar con optimismo por esta terra, coa alma ben desprendida desas cousas que parecen imprescindibles, xa que ben sabe ese Pai voso que necesitades!15, e El proverá. Crédeme que só así nos conduciremos como señores da Creación16, e evitaremos a triste escravitude na que caen tantos, porque esquecen a súa condición de fillos de Deus, afa-nados por un mañá e por un despois que quizais nin sequera verán.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/116/ (14-12-2025)