117
Permitídeme que, unha vez máis, vos manifeste unha miudeza da miña experiencia persoal. Ábrovos a miña alma, na presenza de Deus, coa persuasión máis absoluta de que non son modelo de nada, de que son un pingallo, un pobre instrumento —xordo e inepto— que o Señor utilizou para que se comprobe, con máis evidencia, que el escribe perfectamente coa pata dunha mesa. Polo tanto, ao falarvos de min, non se me pasa polo maxín, nin de lonxe!, o pensamento de que na miña actuación haxa un pouco de mérito meu; e moito menos pretendo imporvos que camiñedes por onde o Señor me levou a min, xa que pode moi ben suceder que non vos pida o Mestre a vós o que tanto me axudou a traballar sen impedimento nesta Obra de Deus, á que dediquei a miña enteira existencia.
Asegúrovos —toqueino coas miñas mans, e contempleino cos meus ollos— que, se confiades na divina Providencia, se vos abandonades nos seus brazos omnipotentes, nunca vos faltarán os medios para servir a Deus, á Igrexa Santa, ás almas, sen descoidar ningún dos vosos deberes; e gozaredes ademais dunha ledicia e dunha paz que mundus dare non potest17, que a posesión de todos os bens terreos non pode dar.
Desde o comezo do Opus Dei, en 1928, aparte de que non contaba con ningún recurso humano, nunca manexei persoalmente nin un céntimo; nin tampouco intervín directamente nas lóxicas cuestións económicas, que se presentan ao realizar calquera tarefa na que participan criaturas —homes de carne e óso, non anxos—, que precisan de instrumentos materiais para desenvolver con eficacia o seu labor.
O Opus Dei necesitou e penso que necesitará sempre — ata a fin dos tempos— a colaboración xenerosa de moitos, para soster as obras apostólicas: dunha banda, porque esas actividades xamais son rendibles; doutra, porque, aínda que aumente o número dos que cooperan e o traballo dos meus fillos, se hai amor de Deus, o apostolado ensánchase e as demandas multiplícanse. Por iso, en máis dunha ocasión, fixen rir os meus fillos, pois mentres os impulsaba con fortaleza a que respondesen fielmente á graza de Deus, animábaos a encararse descaradamente co Señor, pedíndolle máis graza e o diñeiro, contable e soante, que nos urxía.
Nos primeiros anos careciamos ata do máis imprescindible. Atraídos polo lume de Deus, viñan ao meu redor obreiros, artesáns, universitarios..., que ignoraban as estreiteces e a indixencia en que nos encontrabamos, porque sempre no Opus Dei, co auxilio do Ceo, procuramos traballar de xeito que o sacrificio e a oración fosen abundantes e agochados. Ao volver agora a mirada a aquela época, brota do corazón unha acción de grazas rendida: que seguridade había nas nosas almas! Sabia-mos que, buscando a reino de Deus e a súa xustiza, o demais concederíasenos como engadido18. E pódovos asegurar que ningunha iniciativa apostólica se deixou de levar a cabo por falta de recursos materiais: no momento preciso, dunha forma ou doutra, o noso Pai Deus coa súa Providencia ordinaria facilitábanos o que era mester, para que vísemos que El é sempre bo pagador.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/117/ (14-12-2025)