118

Se queredes actuar a toda hora como señores de vós mesmos, aconséllovos que poñades un empeño moi grande en estar desprendidos de todo, sen medo, sen temores nin receos. Despois, ao atender e cumprir as vosas obrigas persoais, familiares..., empregade os medios terreos honestos con rectitude, pensando no servizo a Deus, á Igrexa, aos vosos, á vosa tarefa profesional, ao voso país, á humanidade enteira. Mirade que o importante non se concreta na materialidade de posuír isto ou de carecer do outro, senón en conducirse de acordo coa verdade que nos ensina a fe cristiá: os bens creados son só iso, medios. Polo tanto, rexeitade o engado de consideralos como algo definitivo: non queirades amontoar tesouros na terra, onde a ferruxe e a couza os consumen e onde os ladróns os desenterran e rouban; atesourade en cambio bens no ceo, onde non hai ferruxe, nin a couza os consome, nin tampouco ladróns que os descubran e os rouben. Porque onde está o teu tesouro, alí está tamén o teu corazón19.

Cando alguén centra a súa felicidade nas cousas de aquí abaixo —fun testemuña de verdadeiras traxedias—, perverte o seu uso razoable e destrúe a orde sabiamente disposta polo Creador. O corazón queda entón triste e insatisfeito; métese por camiños dun eterno descontento e remata escravizado xa na terra, vítima deses mesmos bens que quizais se lograron a base de esforzos e renuncias sen conta. Pero, sobre todo, recoméndovos que non esquezades xamais que Deus non cabe, non habita nun corazón enlamado por un amor sen orde, baldroeiro, van. Ninguén pode servir a dous señores, porque tería aversión a un e amor ao outro, ou ao suxeitarse ao primeiro, desprezará o segundo: non podedes servir a Deus e ás riquezas20. «An coremos, pois, o corazón no amor capaz de facernos felices... Desexemos os tesouros do ceo»21.

Notas
19

Mt VI, 19-21.

20

Mt VI, 24.

21

San Xoán Crisóstomo, In Matthaeum homiliae, 63, 3 (PG 58, 607).

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma