121
Ao comportarnos con normalidade —coma os nosos iguais— e con sentido sobrenatural, non facemos máis que seguir o exemplo de Xesucristo, verdadeiro Deus e verdadeiro Home. Fixádevos en que toda a súa vida está chea de naturalidade. Pasa seis lustros escondido, sen chamar a atención, como un traballador máis, e coñéceno na súa aldea como o fillo do carpinteiro. Ao longo da súa vida pública, tampouco se advirte nada que desentoe, por raro ou por excéntrico. Rodeábase de amigos, como calquera dos seus concidadáns, e no seu porte non se diferenciaba deles. Tanto, que Xudas para sinalalo, necesita concertar un sinal: aquel ao que eu lle dea un bico, ese é 23. Non había en Xesús ningún indicio extravagante. A min, emocióname esta norma de conduta do noso Mestre, que pasa como un máis entre os homes.
Xoán Bautista —seguindo unha chamada especial— vestía con pel de camelo e alimentábase de insectos e mel silvestre. O Salvador usaba unha túnica dunha soa peza, comía e bebía igual cós demais, enchíase de ledicia coa felicidade allea, conmovíase ante a dor do próximo, non rexeitaba o descanso que lle ofrecían as súas amizades, e a ninguén se lle ocultaba que se gañara o sustento, durante moitos anos, traballando coas súas propias mans a carón de Xosé, o artesán. Así temos que nos desenvolver nós no medio deste mundo: como Noso Señor. Diríache, en poucas palabras, que temos que ir coa roupa limpa, co corpo limpo e, principalmente, coa alma limpa.
Incluso —por que non notalo—, o Señor que predica un desprendemento tan marabilloso dos bens terreos, mostra á vez un coidado admirable en non desperdicialos. Despois daquel milagre da multiplicación dos pans, que tan xenerosamente saciaron a máis de cinco mil homes, ordenou aos seus discípulos: recollede os anacos que sobraron, para que non se perdan. Fixérono así e encheron doce cestos24. Se meditades atentamente toda esta escena, aprenderedes a non ser rañicas nunca, senón bos administradores dos talentos e medios materiais que Deus vos conceda.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/121/ (14-12-2025)