123
Hai moitos anos —máis de vinte e cinco— ía eu por un comedor de caridade, para pobres de pedir que non tomaban ao día máis alimento que a comida que alí se lles daba. Tratábase dun local grande, que atendía un grupo de boas señoras. Despois da primeira distribución, para recoller as sobras acudían outros mendigos e, entre os deste grupo segundo, chamoume a atención un: era propietario dunha culler de peltre! Sacábaa coidadosamente do peto, con cobiza, mirábaa con fruición, e ao rematar de saborear a súa ración, volvía mirar a culler cuns ollos que berraban: é miña!, dáballe dúas lambedelas para limpala e gardábaa de novo satisfeito entre os pregues dos seus farrapos. Efectivamente, era súa! Un pobriño miserable, que entre aquela xente, compañeira de desventura, se consideraba rico.
Coñecía eu daquela a unha señora, con título nobiliario, Grande de España. Diante de Deus isto non conta nada: todos somos iguais, todos fillos de Adán e Eva, criaturas débiles, con virtudes e defectos, capaces —se o Señor nos abandona— dos peores crimes. Desde que Cristo nos redimiu, non hai diferenza de raza, nin de lingua, nin de color, nin de estirpe, nin de riquezas...: somos todos fillos de Deus. Esta persoa da que agora vos falo, residía nunha casa de avoengo, mais non gastaba para ela mesma nin dúas pesetas ao día. En cambio, re-tribuía moi ben ao seu servizo, e o resto destinábao a axudar aos indixentes, pasando ela mesma privacións de todo xénero. A esta muller non lle faltaban moitos deses bens que tantos ambicionan, pero ela era pobre, moi sacrificada, desprendida por completo de todo. Entendéstesme? Bástanos ademais escoitar as palabras do Señor: benaventurados os pobres de espírito, porque deles é o reino dos ceos26.
Se ti desexas acadar ese espírito, aconsélloche que contigo sexas parco, e moi xeneroso cos demais; evita os gastos superfluos por luxo, por veleidade, por vaidade, por comodidade...; non te crees necesidades. Nunha palabra, aprende con san Paulo a vivir na pobreza e a vivir na abundancia, a ter fartura e a sufrir fame, a posuír de sobra e a padecer por necesidade: todo o podo en Aquel que me conforta27. E como o Apóstolo, tamén así sairemos vencedores da pelexa espiritual, se mantemos o corazón desamarrado, libre de ataduras.
«Todos os que viñemos á palestra da fe, di san Gregorio Magno, tomamos ao noso cargo loitar contra os espíritos malignos. Os diabos non posúen nada neste mundo e, por conseguinte, como acoden espidos, nos tamén debemos loitar espidos. Porque se un que está vestido pelexa con outro sen roupa, pronto será derribado, porque o seu inimigo ten por onde agarralo. E que son as cousas da terra senón unha especie de indumentaria?»28.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/123/ (14-12-2025)