124
Deus ama ao que dá con alegría
Dentro deste marco do desprendemento total que o Señor nos pide, sinalareivos outro punto de particular importancia: a saúde. Agora, a maior parte de vós sodes novos; atravesades esa etapa formidable de plenitude de vida, que reborda de enerxías. Pero pasa o tempo, e inexorablemente comeza a no-tarse o desgaste físico; veñen despois as limitacións da madurez, e por último os achaques da ancianidade. Ademais, calquera de nós, en calquera momento, pode caer enfermo ou sufrir algún trastorno corporal.
Só se aproveitamos con rectitude —cristiamente— as épocas de benestar físico, os tempos bos, aceptaremos tamén con ledicia sobrenatural os sucesos que a xente erroneamente cualifica de malos. Sen descender a demasiados detalles, deséxovos transmitir a miña persoal experiencia. Mentres estamos enfermos, podemos ser prosmeiros: non me atenden ben, ninguén se preocupa de min, non me coidan como merezo, ninguén me comprende... O diabo, que anda sempre ao axexo, ataca por calquera flanco; e na enfermidade a súa táctica consiste en fomentar unha especie de psicose, que aparte de Deus, que amargue o ambiente, ou que destrúa ese tesouro de méritos que, para ben de todas as almas, se acada cando se leva con optimismo sobrenatural —cando se ama!— a dor. Polo tanto, se é vontade de Deus que nos alcance a poutada da aflición, tomádeo como un sinal de que nos considera maduros para asociarnos máis estreitamente a súa Cruz redentora.
Requírese, pois, unha preparación remota, feita cada día cun santo desapego dun mesmo, para dispoñérmonos a levar con garbo —se o Señor o permite— a enfermidade ou a desventura. Servídevos xa das ocasións normais, dalgunha privación, da dor nas súas miúdas manifestacións habituais, da mortificación, e poñede en exercicio as virtudes cristiás.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/124/ (14-12-2025)