125

Temos que nos exixir na vida cotiá, co fin de non inventar falsos problemas, necesidades artificiosas, que en último termo proceden da fachenda, do antollo, dun espírito lacazán e preguiceiro. Debemos ir cara a Deus con paso rápido, sen pesos mortos nin bagaxes que dificulten a marcha. Precisamente porque non consiste a pobreza de espírito en non ter, senón en estar de veras despegados, debemos permanecer atentos para non nos enganar con imaxinarios motivos de forza maior. «Buscade o suficiente, buscade o que abonda. E non queirades máis. O que pasa de aí, é abafo, non alivio; produce pesadume, en vez de levantar»29.

Ao descender a estes consellos, non me baseo en situacións estrañas, anormais ou complicadas. Sei dun que usaba, como rexistros para os libros, uns papeis nos que escribía algunhas xaculatorias que lle axudasen a manter a presenza de Deus. E  entroulle o desexo de conservar con agarimo aquel tesouro, ata que se decatou de que se estaba apegando a aqueles papeliños de nada. Velaí que modelo de virtudes! Non me importa poñervos de manifesto todas as miñas miserias, se vos serven para algo. Tirei un pouco da manta, porque quizais a ti che suceda outro tanto: os teus libros, a túa roupa, a túa mesa, os teus... ídolos de quincalla.

En casos coma eses, recoméndovos que consultedes ao voso director espiritual, sen ánimo pueril nin escrupuloso. Por veces bastará como remedio a pequena mortificación de prescindir do uso de algo por unha tempada curta. Ou, noutro orde, non pasa nada se un día renuncias ao medio de transporte que habitualmente empregas, e entregas como esmola a cantidade que aforras, aínda que sexan moi poucos cartos. De todos os xeitos, se tes espírito de desprendemento, non deixarás de descubrir ocasións, continuas, discretas e eficaces, de exercitalo.

Despois de vos abrir a miña alma, necesito confesarvos tamén que teño un apego ao que non querería renunciar nunca: o de querervos de verdade a todos vós. Aprendino do mellor Mestre, e gustaríame seguir fidelísimamente o seu exemplo, amando sen límite ás almas, comezando polas que me arrodean. Non vos conmove esa caridade ardente —ese agarimo!— de Xesucristo, que utiliza o Evanxeo para designar a un dos seus discípulos?: quem diligebat Iesus30, aquel a quen El amaba.

Notas
29

Santo Agostiño, Sermo LXXXV, 6 (PL 38, 523).

30

Ioh XIII, 23.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma