128

O camiño do cristián

Que transparentes resultan as ensinanzas de Cristo! Como de costume, abramos o Novo Testamento, nesta ocasión polo capítulo XI de san Mateu: aprendede de min, que son manso e humilde de corazón4. Decátaste? Temos que aprender del, de Xesús, o noso único modelo. Se queres ir adiante previndo tropezos e extravíos, non tes outra que andar por onde El andou, apoiar as túas plantas sobre o rastro das súas pegadas, penetrar no seu corazón humilde e paciente, beber do manancial dos seus mandatos e afectos; nunha palabra, haste de identificar con Xesucristo, tes que te procurar converter de verdade noutro Cristo entre os teus irmáns os homes.

Para que ninguén se chame a engano, imos ler outra cita de san Mateu. No capítulo XVI, o Señor precisa aínda máis a súa doutrina: se alguén quere vir en pos de Min, néguese a si mesmo, tome a súa cruz e sígame5. O camiño de Deus é de renuncia, de mortificación, de entrega, mais non de tristeza ou de apoucamento.

Repasa o exemplo de Cristo, desde o berce de Belén ata o trono do Calvario. Considera a súa abnegación, as súas privacións: fame, sede, fatiga, calor, sono, malos tratos, incomprensións, bagoas...6; e a súa ledicia de salvar á humanidade enteira. Gustaríame que agora gravases fondamente na túa cabeza e no teu corazón —para que o medites moitas veces, e o traduzas en consecuencias prácticas— aquel resumo de san Paulo, cando convidaba aos de Éfeso a seguir sen vacilar os pasos do Señor: sede imitadores de Deus, xa que sodes os seus fillos moi queridos, e procedede con amor, a exemplo do que Cristonos amou e se ofreceu a si mesmo a Deus en oblación e hostia de olor suavísimo7.

Notas
4

Mt XI, 29.

5

Mt XVI, 24.

6

Cfr. Mt IV, 1-11; Mt VIII, 20; Mt VIII, 24; Mt XII, 1; Mt XXI, 18-19; Lc II, 6- 7; Lc IV, 16-30; Lc XI, 53-54; Ioh IV, 6; Ioh XI, 33-35; etc.

7

Eph V, 1-2.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma