129

Xesús entregouse a Si mesmo, feito holocausto por amor. E ti, discípulo de Cristo; ti, fillo predilecto de Deus; ti, que fuches comprado a prezo de Cruz; ti tamén debes estar disposto a negarte a ti mesmo. Polo tanto, sexan cales sexan as circunstancias concretas polas que atravesamos, nin ti nin eu podemos levar unha conduta egoísta, aburguesada, cómoda, disipada... —perdoa a miña sinceridade— necia! «Se ambicionas a estima dos homes, e ansías ser considerado e apreciado, e non buscas máis ca unha vida pracenteira, desviácheste do camiño... Na cidade dos santos, só se permite a entrada e descansar e reinar co Rei polos séculos eternos aos que pasan pola vía áspera, angosta e estreita das tribulacións»8.

É necesario que te decidas voluntariamente a cargar coa cruz. Doutro xeito, dirás coa lingua que imitas a Cristo, pero os teus feitos desmentirano; así non conseguirás tratar con intimidade ao Mestre, nin o amarás de veras. Urxe que os cristiáns nos convenzamos ben desta realidade: non marchamos preto do Señor, cando non nos sabemos privar espontaneamente de tantas cousas que reclaman o capricho, a vaidade, o regalo, o interese... Non debe pasar unha xornada sen que a condimentes coa graza e o sal da mortificación. E desbota esa idea de que estás, entón, reducido a seres un desgraciado. Pobre felicidade será a túa, se non aprendes a vencerte a ti mesmo, se te deixas asoballar e dominar polas paixóns e veleidades, en vez de tomar a túa cruz gallardamente.

Notas
8

Pseudo-Macario, Homiliae 12, 5 (PG 34, 559).

Este punto noutro idioma