13
A coherencia cristiá da vida
Prodúceme unha magoa moi grande decatarme de que un católico —un fillo de Deus que, polo Bautismo, está chamado a ser outro Cristo— tranquiliza a súa conciencia cunha simple piedade de fórmulas, cunha relixiosidade que o empuxa a rezar de cando en vez, só se pensa que lle convén!; a asistir á Santa Misa nos días de precepto —e nin tan sequera todos—, mentres coida puntualmente que o seu estómago se quede tranquilo, comendo a horas fixas; a ceder na súa fe, a cambiala por un prato de lentellas, con tal de non renunciar á súa posición... E logo, con desvergonza ou con escándalo, utiliza para subir a etiqueta de cristián. Non! Non nos conformemos coas etiquetas: quérovos cristiáns de corpo enteiro, dunha peza; e, para conseguilo, teredes que buscar sen componendas o oportuno alimento espiritual.
Por experiencia persoal cónstavos —e terédesmo oído repetir con frecuencia, para previr desánimos— que a vida interior consiste en comezar e recomezar cada día; e advertides no voso corazón, coma eu no meu, que necesitamos loitar con continuidade. Observaredes no voso exame —a min sucé-deme outro tanto: perdoade que vos faga estas referencias á miña persoa, pero, mentres vos falo estou dando voltas co Señor ás necesidades da miña alma—, que sufrides repetidamen-te pequenos reveses, e por veces antóllasevos que son descomunais, porque revelan unha evidente falta de amor, de entrega, de espírito de sacrificio, de delicadeza. Fomentade as ansias por reparar, cunha contrición sincera, pero non me perdades a paz.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/13/ (14-12-2025)