130

Lémbrome agora —de seguro que algún de vós xa me terá escoitado este mesmo comentario noutras meditacións— aquel soño dun escritor do século de ouro castelán. Diante súa ábrense dous camiños. Un preséntase ancho e carreteiro, fácil, pródigo en pousadas e mesóns e noutros lugares amenos e regalados. Por alí avanzan as xentes a cabalo e en carruaxes, entre músicas e risas —gargalladas tolas—; contémplase unha multitude embriagada nun deleite aparente, efémero, porque esa rota remata nun precipicio sen fondo. É a senda dos mundanos, dos eternos aburguesados: ostentan unha alegría que en realidade non teñen; buscan incondicionalmente toda chea de comodidades e de praceres...; horrorízalles a dor, a renuncia, o sacrificio. Non queren saber nada da Cruz de Cristo, pensan que é cousa de toleiráns. Pero son eles os dementes: escravos da envexa, da gula, da sensualidade, rematan pasándoo peor, e decátanse tarde de que desbaldiron, por unha bagatela insípida, a súa felicidade terrea e eterna. Advírtenos o Señor: quen quixese salvar a súa vida, perderaa; mais quen perdese a súa vida por amor a min, atoparaa. Porque, de que lle serve ao home gañar todo o mundo, se perde a súa alma? 9.

Por dirección distinta discorre neste soño outro sendeiro: tan estreito e empinado, que non é posible percorrelo ao lombo de cabalaría. Todos os que o emprenden, adiantan polo seu propio pé, quizais en zigzag, con rostro sereno, pisando abrollos e sorteando penedos. En determinados puntos, esfa-rrapan os seus vestidos, e aínda a súa carne. Pero a fin, espéralles un verxel, a felicidade para sempre, o Ceo. É o camiño das almas santas que se humillan, que por amor a Xesucristo se sacrifican gustosamente polos demais; a rota dos que non temen ir costa arriba, cargando amorosamente coa súa cruz, por moito que lles pese, porque coñecen que, se o peso os afunde, poderán alzarse e continuar a ascensión: Cristo é a forza destes camiñantes.

Notas
9

Mt XVI, 25-26.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma