131

Que importa tropezar, se na dor da caída atopamos a enerxía que nos endereita de novo e nos impulsa a proseguir con renovado alento? Non me esquezades que santo non é o que non cae, senón o que sempre se levanta, con humildade e con santa teimosía. Se no libro dos Proverbios se comenta que o xusto cae sete veces ao día10, ti e mais eu —pobres criaturas— non nos debemos de estrañar nin desacougar ante as propias miserias persoais, ante os nosos tropezos, porque continuaremos cara adiante, se buscamos a fortaleza naquel que nos prometeu: vinde a min todos os que andades agoniados con traballos e cargas, que eu vos aliviarei11. Grazas, Señor, quia tu es, Deus, fortitudo mea12, porque fuches sempre Ti, e só Ti, meu Deus, a miña fortaleza, o meu refuxio, o meu apoio.

Se de veras desexas progresar na vida interior, sé humilde. Acode con constancia, confiadamente, á axuda do Señor e da súa Nai bendita, que é tamén Nai túa. Con serenidade, tranquilo, por moito que doa a ferida aínda non coutada do teu último esvarón, abraza de novo a cruz e di: Señor, co teu auxilio, loitarei para non me deter, responderei fielmente ás túas invitacións, sen temor ás costas empinadas, nin a aparente monotonía do traballo habitual, nin aos cardos e pedregullos do camiño. Cónstame que me asiste a túa misericordia, e que á fin atoparei a felicidade eterna, a ledicia e o amor polos séculos infinitos.

Logo, durante o mesmo soño, descubría aquel escritor un terceiro itinerario: estreito, tapizado tamén de asperezas e de pendentes duras coma o segundo. Por alí avanzan algúns no medio de mil penalidades, con ademán solemne e maxestoso. Non obstante, remataban no mesmo precipicio horrible ao que conducía o primeiro sendeiro. É o camiño que percorren os hipócritas, os que carecen de rectitude de intención, os que se moven por un falso celo, os que perverten as obras divinas ao mesturalas con egoísmos temporais. «É unha necidade abordar unha empresa custosa co fin de ser admirado; gardar os mandamentos de Deus a base dun grande esforzo, pero aspirar a unha recompensa terrea. O que co exercicio das virtudes pretende beneficios humanos, é como o que malvendese un obxecto precioso por poucas moedas: podía conquistar o Ceo, e en cambio conténtase cunha gabanza efémera... Por iso dise que as esperanzas dos hipócritas son como a tea de araña: tanto esforzo para tecela, e ao final lévaa dun sopro o vento da morte»13.

Notas
10

Cfr. Prv XXIV, 16.

11

Mt XI, 28.

12

Ps XLII, 2.

13

San Gregorio Magno, Moralia, 2, 8, 43-44 (PL 75, 844-845).

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma