132

Coa mirada na meta

Se vos lembro estas verdade rexas, e para convidarvos a que examinedes atentamente os móbiles que impulsan a vosa conduta, co fin de rectificar o que necesite rectificación, endereitando todo ao servizo de Deus e dos vosos irmáns os homes. Mirade que o Señor pasou ao noso carón, mirounos con agarimo e chamounos coa súa vocación santa, non polas nosas obras, senón polo seu beneplácito e pola graza que nos foi outorgada en Xesucristo antes de todos os séculos14.

Purificade a intención, ocupádevos de todas as cousas por amor a Deus, abrazando con gozo a cruz de cada día. Repetino miles de veces, porque penso que estas ideas deben de estar esculpidas no corazón dos cristiáns: cando non nos limitamos a tolerar e, en cambio, amamos a contradición, a dor física ou moral, e ofrecémola a Deus en desagravio polos nosos pecados persoais e polos pecados de todos os homes, entón asegúrovos que esa mágoa non apesara.

Non se leva xa unha cruz calquera, descóbrese a Cruz de Cristo, co consolo de que se encarga o Redentor de soportar o  peso. Nós colaboramos como Simón de Cirene que, cando regresaba de traballar na súa leira pensando nun merecido repouso, veuse forzado a poñer os seus ombros para axudar a Xesús15. Ser voluntariamente Cireneo de Cristo, acompañar tan de preto a súa Humanidade doente, reducida a un farrapo, para unha alma namorada non significa unha desventura, trae a certeza da proximidade de Deus, que nos bendice coa súa elección.

Con moita frecuencia, non poucas persoas me teñen comentado con asombro a ledicia que, grazas a Deus, teñen e contaxian os meus fillos no Opus Dei. Ante a evidencia desta realidade, respondo sempre coa mesma explicación, porque non coñezo outra: o fundamento da súa felicidade consiste en non ter medo nin á vida nin á morte, en non se acovardar ante a tribulación, no esforzo cotián de vivir con espírito de sacrificio, constantemente dispostos —a pesar da persoal miseria e debilidade— a negarse a si mesmos, con tal de facer o camiño cristiá máis levadío e amable aos demais.

Notas
14

2 Tim I, 9.

15

Cfr. Mc XV, 21.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma