133
Como o latexar do corazón
Mentres eu falo, sei que vós, na presenza de Deus, procurades ir revisando o voso comportamento. Non é verdade que a maior parte deses desacougos que inquietaron a túa alma, desas faltas de paz, obedecen a que non correspondiches ás invitacións divinas; ou ben, a que quizais estabas percorrendo a senda dos hipócritas, porque te buscabas a ti mesmo? Co triste intento de manter ante os que te arrodean a mera aparencia dunha actitude cristiá, no teu interior negábaste a aceptar a renuncia, a mortificar as túas paixóns torcidas, a darte sen condicións, abnegadamente, como Xesucristo.
Mirade, nestes momentos de meditación ante o Sagrario, non vos podedes limitar a escoitar as palabras que pronuncia o sacerdote como materializando a oración íntima de cada quen. Eu preséntoche unhas consideracións, sináloche uns puntos, para que ti os recollas activamente, e reflexiones pola túa conta, converténdoos en tema dun coloquio persoalísimo e silandeiro entre Deus e mais ti, de xeito que os apliques á túa situación actual e, coas luces que o Señor che brinda, distingas na túa conduta o que vai endereitado do que discorre por mal camiño, para rectificar coa súa graza.
Agradécelle ao Señor ese cúmulo de boas obras que realizaches desinteresadamente, porque podes cantar co salmista: El sacoume dunha horrible foxa, de lamacenta charca. E afirmou os meus pés sobre rocha e afianzou os meus pasos16. Pídelle tamén perdón polas túas omisións ou polas túas pisadas en falso, cando te introduciches nese lamentable labirinto da hipocrisía, ao afirmar que desexabas a gloria de Deus e o ben do teu próximo, pero en verdade honrábaste a ti mesmo... Sé audaz, sé xeneroso, e di que non: que xa non queres defraudar máis ao Señor e á humanidade.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/133/ (14-12-2025)