134
É a hora de que acudas á túa Nai bendita do Ceo, para que te acolla no seu colo e che consiga do seu Fillo unha mirada de misericordia. E procura de seguido sacar propósitos concretos: corta dunha vez, aínda que doia, ese detalle que estorba, e que Deus e ti coñecedes ben. A soberbia, a sensualidade, a falta de sentido sobrenatural aliaranse para murmurarte: iso? Pero se só é unha circunstancia parva, insignificante! Ti responde, sen dialogar máis coa tentación: entregareime tamén nesa esixencia divina! E non che faltará razón: o amor demóstrase de xeito especial nas miudezas. Ordinariamente, os sacrificios que nos pide o Señor, os máis arduos, son minúsculos, pero tan continuos e valiosos coma o latexar do corazón.
Cantas nais coñeciches como protagonistas dun acto heroico, extraordinario? Poucas, moi poucas. E, non obstante, nais heroicas, verdadeiramente heroicas, que non aparecen como figuras de nada espectacular, que nunca serán noticia —como se di—, ti e mais eu coñecemos moitas: viven negándose a toda hora, recortando con alegría os seus propios gustos e afeccións, o seu tempo, as súas posibilidades de afirmación ou de éxito, para alfombrar de felicidade os días dos seus fillos.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/134/ (14-12-2025)