135

Tomemos outros exemplos tamén da vida corrente. San Paulo menciónaos: os que teñen que competir na palestra, gardan en todo unha exacta continencia; e non é senón para acadar unha coroa perecedoira, ao tempo que nos a esperamos eterna17. Abóndavos con botar unha ollada ao voso redor. Fixádevos a cantos sacrificios se someten de boa ou de mala gana, eles e elas, por coidar o corpo, por defender a saúde, por conseguir a estimación allea... Non seremos nós quen de nos remover ante ese inmenso amor de Deus tan mal correspondido pola humanidade, mortificando o que teña que ser mortificado, para que a nosa mente e o noso corazón vivan máis pendentes do Señor?

Trabucouse de tal xeito o sentido cristián de moitas conciencias que, ao falar de mortificación e de penitencia, pénsase só en grandes xaxúns e cilicios que se mencionan nos admirables relatos dalgunhas biografías de santos. Ao iniciar esta meditación, sentamos a premisa evidente de que temos que imitar a Xesucristo, como modelo de conduta. De certo, preparou o comezo da súa predicación retirándose ao deserto, para xaxuar durante corenta días e corenta noites18, pero antes e despois practicou a virtude da temperanza con tanta naturalidade, que os seus inimigos aproveitaban para tachalo calumniosamente de home voraz e bebedor, amigo de publicanos e xentes de mala vida19.

Notas
17

1 Cor IX, 25.

18

Cfr. Mt IV, 1-11.

19

Lc VII, 34.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma