138

Espírito de penitencia

Procuras xa tomar as túas resolucións de propósitos sinceros? Pídelle ao Señor que te axude a amolarte polo seu amor; e pon en todo, con naturalidade, o recendo purificador da mortificación; a gastarte no seu servizo sen espectáculo, silandeiramente, como se consome a pequena lámpada que latexa xunta o Tabernáculo. E por iso se agora non se che ocorre como responder correctamente aos requirimentos divinos que petan no teu corazón, escóitame ben.

Penitencia e o cumprimento exacto do horario que te fixaches, aínda que o corpo se resista e a mente pretenda evadirse con soños quiméricos. Penitencia é erguerse á hora. E tamén, non deixar para máis tarde, sen motivo xustificado, esa tarefa que che resulta máis difícil e custosa.

Penitencia está en sabermos compaxinar as túas obrigas con Deus, cos demais e contigo mesmo, esixíndote de xeito que logres atopar o tempo que cada cousa necesita. Es penitente cando te suxeitas agarimosamente ao teu plan de oración, a pesar de que esteas esgotado, sen ganas ou frío.

Penitencia é tratar sempre coa máxima caridade os ou-tros, comezando polos teus. É atender coa máxima delicadeza aos que sofren, aos enfermos, aos que padecen. É contestarmos con paciencia aos trosmas e inoportunos. É interrompermos ou modificar o noso programa, cando as circunstancias —os intereses bos e xustos dos demais, sobre todo— así o requiran.

A penitencia consiste en soportarmos con bo humor as mil miúdas contrariedades da xornada; en non abandonarmos a ocupación aínda que de momento se che pasara a ilusión coa que a comezaches; en comer con agradecemento o que nos serven, sen importunar con caprichos.

Penitencia, para os pais e, en xeral, para os que teñen unha misión de goberno ou educativa, é corrixir cando se ten que facer, de acordo coa natureza do erro e das condicións do que necesita esa axuda, por riba de subxectivismos necios e sentimentais.

O espírito de penitencia leva a non se apegar desordenadamente a ese bosquexo monumental dos proxectos futuros, nos que xa temos previsto cales serán os nosos trazos e pinceladas mestras. Que ledicia lle damos a Deus cando sabemos renunciar a eses garabatos e brochadas de mestriño, e permitimos que sexa El o que engada os trazos e cores que mais lle presten!

Este punto noutro idioma