139
Podería seguir sinalándoche unha morea de detalles —citeiche só os que agora me viñan a memoria—, que podes aproveitar ao longo do día, para achegarte máis e máis a Deus, máis e máis ao próximo. Se che mencionei estes exemplos, insisto, non é porque eu desprece as grandes penitencias; pola contra, demóstranse santas e boas, e aínda necesarias. Cando o Señor chama por ese camiño, contando sempre coa aprobación de quen dirixa a túa alma. Pero advírtoche que as grandes penitencias, son compatibles tamén con caídas aparatosas, provocadas pola soberbia. En cambio, con ese desexo continuo de agradar a Deus nas miúdas batallas persoais —como sorrir cando non se teñen ganas: eu asegúrovos, ademais, que en ocasións resulta máis custoso un sorriso que unha hora de cilicio—, é difícil dar pábulo ao orgullo, á ridícula inxenuidade de considerarnos heroes notables: verémonos como un neno que apenas acada a ofrecer ao seu pai cativezas, pero que son recibidas con inmenso gozo.
Logo, un cristián ten que ser sempre mortificado? Si, pero por amor. Porque este tesouro da nosa vocación o levamos en vasos de barro, para que se recoñeza a grandeza do poder de Deus e non a nosa. Vémonos acosados de toda sorte de tribulacións, mais non por iso perdemos o ánimo; atopámonos en grandes apuros, mais non por iso desesperados; somos perseguidos, mais non abandonados; abatidos, mais non enteiramente perdidos; traemos sempre no noso corpo por todas partes a mortificación de Xesús co fin de que a vida de Xesús se manifeste tamén nos nosos corpos23.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/139/ (14-12-2025)