14

Alá, polos primeiros anos da década dos corenta, ía eu moito por Valencia. Non tiña daquela ningún medio humano e, cos que se reunían con este pobre sacerdote, —como agora vós—, facía a oración onde boamente podiamos, algúns seráns nunha praia solitaria. Como os primeiros amigos do Mestre, lembras? Escribe San Lucas que, ao saír de Tiro con Paulo, camiño de Xerusalén, acompañáronos todos coas súas mulleres e nenos ata as aforas da cidade, e axeonllados fixemos a oración na praia19.

Pois, un día a última hora, durante un daqueles solpores marabillosos, vimos que se achegaba unha barca á beira, e saltaron a terra uns homes morenos, fortes coma rochas, mollados, co torso espido, tan queimados pola maraxe que parecían de bronce. Comezaron a sacar da auga a rede repleta de peixes brillantes coma a prata, que traían arrastrada pola barca. Turraban con moito brío, os pés afundidos na area, cunha enerxía prodixiosa. De súpeto veu un neno, tamén moi torrado, aproximouse á corda, agarrouna coas súas manciñas e comezou a turrar con evidente torpeza. Aqueles pescadores rudos, nada requintados, deberon sentir tremer o seu corazón e permitiron que o pequecho colaborase; non o apartaron, aínda que máis ben estorbaba.

Pensei en vós e mais en min; en vós, que aínda non vos coñecía, e en min; nese turrar da corda todos os días en tantas cousas. Se nos presentamos ante Deus Noso Señor coma ese pequeno, convencidos da nosa debilidade pero dispostos a secundar os seus designios, acadaremos máis facilmente a meta: arrastraremos a rede ata a beira, chea de abundantes froitos, porque onde fallan as nosas forzas chega o poder de  Deus.

Notas
19

Act XXI, 5.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma