140

Poida que ata estes momentos non nos sentísemos urxidos a seguir tan de preto os pasos de Cristo. Poida que non nos de-catásemos de que podemos unir ao seu sacrificio reparador as nosas pequenas renuncias: polos nosos pecados, polos pecados dos homes de todas as épocas, por ese labor malvado de Lucifer que continúa opoñendo a Deus o seu non serviam! Como nos atreveremos a clamar sen hipocrisía: Señor, dóenme as ofensas que feren o teu corazón amabilísimo, se non nos decidimos a privarnos dunha nimiedade ou a ofrecer un sacrificio minúscu-lo en loanza do seu Amor? A penitencia –verdadeiro desagravio– lánzanos polo camiño da entrega, da caridade. Entrega para reparar, e caridade para axudar aos demais, como Cristo nos axudou a nós.

De agora en diante, tede présa en amar. O amor non impedirá a queixa, a protesta. Porque con frecuencia soportamos a contrariedade, abofé; pero laiámonos; e daquela, ademais de desperdiciar a graza de Deus, cortámoslle as mans para futuros requirimentos. Hilarem enim datorem diligit Deus24. Deus ama ao que dá con ledicia, coa espontaneidade que nace dun corazón namorado, sen os espaventos de quen se entrega coma se prestase un favor.

Notas
24

2 Cor IX, 7.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma