141
Volve de novo a ollada sobre a túa vida, e pide perdón por ese detalle e por aqueloutro que saltan deseguido aos ollos da túa conciencia; polo mal uso que fas da lingua; por eses pensamentos que xiran continuamente arredor de ti mesmo; por ese xuízo crítico consentido que te preocupa insensatamente, causándoche unha perenne inquedanza e desacougo... Que podedes ser moi felices! Que o Señor nos quere contentos, bébedos de ledicia, marchando polos mesmos camiños de ventura que El percorreu! Só nos sentimos desgraciados cando nos empeña-mos en descamiñarnos, e metémonos por esa senda do egoís-mo e da sensualidade; e moito peor aínda se embocamos a dos hipócritas.
O cristián ten que se manifestar auténtico, veraz, sincero en todas as súas obras. A súa conduta debe transparentar un espírito: o de Cristo. Se alguén ten neste mundo a obriga de mostrarse consecuente, é o cristián, porque recibiu en depósito, para facer que dea froito ese don25, a verdade que libera, que salva26. Padre, preguntarédesme, e como acadarei esa sinceridade de vida? Xesucristo entregou á súa Igrexa todos os medios necesarios: aprendeunos a rezar, a tratar co seu Pai Celestial; enviounos o seu Espírito, o Grande Descoñecido, que actúa na nosa alma; e deixounos eses signos visibles da graza que son os Sacramentos. Úsaos. Intensifica a túa vida de piedade. Fai oración todos os días. Non apartes nunca os teus ombreiros da carga gustosa da Cruz do Señor.
Xesús foi quen che convidou a seguilo como bo discípu-lo, co fin de que realices a túa travesía pola terra sementando a paz e o gozo que o mundo non pode dar. Para iso —insisto— temos que andar sen medo á vida e sen medo á morte, sen rexeitar custe o que custe a dor, que para un cristián é sempre medio de purificación e ocasión de amar de veras aos seus irmáns, aproveitando as mil circunstancias da vida ordinaria.
Xa pasou o tempo. Teño que pór punto final a estas consideracións, coas que intentei remover a túa alma, para que ti respondeses concretando algúns propósitos, poucos, pero ben determinados. Pensa que Deus te quere contento e que, se pos da túa parte o que podes, serás feliz, moi feliz, felicísimo, aínda que en ningún momento che falte a Cruz. Mais esa Cruz xa non é un patíbulo, senón o trono desde o que reina Cristo. E ao seu carón, a súa Nai, Nai nosa tamén. A Virxe Santa alcanzarache a fortaleza que necesitas para marchar con decisión tras os pasos do seu Fillo.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/141/ (14-12-2025)