143

Por motivos que non veñen ao caso —pero que ben coñece Xesús, que nos preside desde o Sagrario—, a miña vida conduciume a saberme especialmente fillo de Deus, e saboreei a ledicia de meterme no corazón do meu Pai, para rectificar, para purificarme, para servilo, para comprender e desculpar a todos, a base do amor seu e da humillación miña.

Por iso, agora desexo insistir na necesidade de que vós e mais eu nos refagamos, espertemos deste sono de debilidade que tan facilmente nos amodorra, e volvamos percibir, dun xeito máis fondo e á vez máis inmediato, a nosa condición de fillos de Deus.

O exemplo de Xesús, todo o paso de Cristo por aqueles lugares de oriente, axúdanos a penetrar nesta verdade. Se admi-timos o testemuño dos homes —lemos na Epístola—, de maior autoridade é o testemuño de Deus5. E, en que consiste o testemuño de Deus? De novo fala san Xoán: Mirade que amor tivo o Pai cara nós, querendo que nos chamemos fillos de Deus e o sexamos... Carísimos, nós somos xa agora fillos de Deus6.

Ao longo dos anos, procurei apoiarme sen desmaios nesa gozosa realidade. A miña oración, ante calquera circunstancia, foi a mesma, con tons diferentes. Díxenlle: Señor, Ti puxéchesme aquí; Ti confiáchesme iso e aquilo, e eu confío en Ti. Sei que es o meu Pai, e sempre vin que os pequenos están absolutamente seguros dos seus pais. A miña experiencia sacerdotal confirmoume que este abandono nas mans de Deus empuxa ás almas a adquirir unha forte, fonda e serena piedade, que impulsa a traballar constantemente con rectitude de intención.

Notas
5

1 Ioh V, 9.

6

1 Ioh III, 1-2.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma