145
Poñamos de novo os ollos no Mestre. Poida que ti tamén escoites neste momento o reproche dirixido a Tomé: mete aquí o teu dedo e rexistra as miñas mans; e trae a túa man, e métea no meu costado, e non sexas incrédulo senón fiel 9; e, co Apóstolo, sairá da túa alma, con sincera contrición, aquel grito: Meu Señor e meu Deus!10, recoñézote definitivamente por Mestre, e xa para sempre —co teu auxilio— vou atesourar as túas ensinanzas e esforzareime en seguilas con lealdade.
Unhas páxinas antes, no Evanxeo, revivimos esa escena na que Xesús se retirou en oración, e os discípulos están preto, probablemente contemplándoo. Cando rematou, un decidiuse a suplicarlle: Señor, apréndenos a orar, como lles aprendeu Xoán aos seus discípulos. E Xesús respondeulles: cando vos poñades a orar, debedes dicir: Pai, sexa santificado o teu nome11.
Notade o sorprendente da resposta: os discípulos conviven con Xesucristo e, no medio das súas conversas, o Señor indícalles como han rezar; revélalles o grande segredo da misericordia divina: que somos fillos de Deus, e que podemos entreternos confiadamente con El, como un fillo fala co seu pai.
Cando vexo como algúns formulan a vida de piedade, o trato dun cristián co seu Señor, e preséntanme esa imaxe desagradable, teórica, de fórmulas, chea de cantilenas sen alma, que máis favorecen o anonimato que a conversa persoal de ti a Ti, co Noso Pai Deus —a auténtica oración vogal xamais supón anonimato—, lémbrome daquel consello do Señor: na oración non afectedes falar moito, como fan os xentís, que imaxinan van ser oídos a forza de palabras. Non queirades, pois, imitalos, que ben sabe o voso Pai o que precisades, antes de que llo pidades12. E comenta un Padre da Igrexa: «penso que Cristo nos manda que evitemos as longas oracións; pero longa, non en canto ao tempo, senón pola multitude inacabable de palabras... O Señor mesmo púxonos o exemplo da viúva que, a forza de súplicas, venceu a reticencia do xuíz inicuo; e o outro daquel inoportuno que chegou a deshora na noite e, pola súa teimosía máis que pola amizade, conseguiu que se erguese da cama o amigo (cfr. Lc XI, 5-8; XVIII, 1-8). Con estes dous exemplos, mándanos que pidamos constantemente, pero non compoñendo oracións interminables, senón contándolle con sinxeleza as nosas necesidades»13.
De todos os xeitos, se ao iniciar a vosa meditación non logrades concentrar a vosa atención para conversar con Deus, e vos atopades secos e a cabeza parece que non e quen de expresar unha idea, ou os vosos afectos permanecen insensibles, aconséllovos o que eu procurei practicar sempre nesas circunstancias: poñédevos en presenza do voso Pai, e manifestádelle polo menos: Señor, que non sei rezar, que non se me ocorre nada para contarche!... E estade seguros de que nese mesmo instante, teredes comezado a facer oración.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/145/ (14-12-2025)