146

Piedade, trato de fillos

A piedade que nace da filiación divina é unha actitude profunda da alma, que remata por informar toda a existencia enteira: está presente en todos os pensamentos, en todos os desexos, en todos os afectos. Non tedes observado que, nas familias, os fillos, aínda sen se decatar, imitan aos seus pais: repiten os seus xestos, os seus costumes, coinciden en tantos modos de comportarse?

Pois o mesmo sucede na conduta do bo fillo de Deus: acádase tamén, —sen que se saiba como, nin por que camiño— ese endeusamento marabilloso, que nos axuda a enfocar os acontecementos co relevo sobrenatural da fe; ámase a todos os homes como Noso Pai do Ceo os ama e —isto é o que máis conta— obtense un brío novo no noso esforzo cotián por achegármonos ao Señor. Non importan as miserias, insisto, porque aí están os brazos agarimosos do Noso Pai Deus para nos levantar.

Se vos fixades, existe unha grande diferenza cando cae un neno e cando cae unha persoa maior. Para os nenos, a caída de ordinario non ten importancia: tropezan con tanta frecuencia! E cando se lles soltan as lágrimas, o seu pai explícalles: os homes non choran. Así conclúe o incidente, co empeño do rapaz por contentar a seu pai.

Mirade, en cambio, o que sucede se perde o equilibrio un home adulto, e vén dar cos fociños no chan. Se non fose pola compaixón, provocaría hilaridade, risa. Pero, ademais, o golpe poida que traia consecuencias graves, e, nun ancián, incluso produza unha fractura irreparable. Na vida interior, convennos a todos ser quasi modo geniti infantes, coma eses pequechos, que parecen de goma, que se folgan ata coas súas zoupadas porque axiña se erguen e continúan co seu corricar; e porque tampouco lles falta —cando resulta preciso— o consolo dos seus pais.

Se nos procuramos portar coma eles, os tropezóns e os fracasos —polo demais inevitables— na vida interior non desembocarán nunca en amargura. Reaccionaremos con dor mais sen desánimo, e cun sorriso que brota, como auga limpa, da ledicia da nosa condición de fillos dese Amor, desa grandeza, desa sabedoría infinita, desa misericordia, que é o noso Pai. Aprendín, durante os meus anos de servizo ao Señor, a ser fillo pequeno de Deus. E isto pídovolo a vós: que sexades quasi modo geniti infantes, nenos que desexan a palabra de Deus, o pan de Deus, o alimento de Deus, a fortaleza de Deus, para conducírmonos en adiante como homes cristiáns.

Este punto noutro idioma