147

Que sexades moi nenos! E canto máis, mellor. Dívolo a experiencia deste sacerdote, que se tivo que erguer moitas veces ao longo destes trinta e seis anos —que longos e que curtos se me fixeron!—, que leva tratando de cumprir unha Vontade precisa de Deus. Unha cousa axudoume sempre: que sigo sendo neno, e métome continuamente no colo da miña Nai e no Corazón de Cristo, o meu Señor.

As grandes caídas, as que causan grandes desfeitas na alma, e en ocasións con resultados case irremediables, proceden sempre da soberbia de crerse maiores, autosuficientes. Neses casos, predomina na persoa como unha incapacidade de pedir asistencia ao que lla pode facilitar: non só a Deus; ao amigo, ao sacerdote. E aquela pobre alma, illada na súa desgraza, afúndese na desorientación, no descamiño.

Roguemos a Deus, agora mesmo, que non permita xamais que nos sintamos satisfeitos, que acrecente sempre en nós a ansia do seu auxilio, da súa palabra, do seu Pan, do seu consolo, da súa fortaleza: rationabile, sine dolo lac concupiscite: fomentade a fame, a aspiración de ser como nenos. Convencédevos de que é o xeito mellor de vencer a soberbia. Persuadídevos de que é o único remedio para que a vosa maneira de obrar sexa boa, sexa grande, sexa divina. En verdade dígovos, que se non vos volvedes e facedes semellantes aos nenos, non entraredes no reino dos ceos14.

Notas
14

Mt XVIII, 3.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma