148

De novo veñen a miña memoria as lembranzas da miña mocidade. Que demostración de fe aquela! Paréceme oír aínda o canto litúrxico, respirar o arrecendo do incenso, ver milleiros e milleiros e milleiros de homes, cada un co seu gran cirio –que é como o símbolo da súa miseria–, mais cun corazón de nenos: unha criatura que quizais non logra alzar os seus ollos cara a faciana do seu pai. Recoñece e advirte can malo e amargo é para ti terte apartado do teu Deus15. Renovemos a firme decisión de non nos apartar nunca do Señor polos afáns da terra. Aumentemos, con propósitos concretos para a nosa conduta, a sede de Deus: como criaturas que recoñecen a propia indixencia, e buscan, chaman, incesantemente ao seu Pai.

Pero, volvo ao que vos comentaba antes: hai que aprender a ser como nenos, hai que aprender a ser fillo de Deus. E, de paso, transmitir aos demais esa mentalidade que, no medio das naturais fraquezas, faranos fortes na fe16, fecundos nas obras, e seguros no camiño, de xeito que calquera que sexa a especie do erro que poidamos cometer, aínda o máis desagradable, non vacilaremos nunca en reaccionar, e en retornar a esa senda mestra da filiación divina que remata nos brazos abertos e expectantes do noso Pai Deus.

Quen de vós non se lembra dos brazos do seu pai? Probablemente non serían tan aloumiñeiros, doces e delicados coma os da nai. Mais aqueles brazos robustos, fortes, apertábannos con calor e con seguridade. Señor, grazas por eses brazos duros. Grazas por esas mans fortes. Grazas por ese corazón tenro e rexo. Ía darche grazas tamén polos meus erros! Non, que non os queres! Pero compréndeos, descúlpaos, perdóaos.

Esta é a sabedoría que Deus espera que exercitemos no trato con El. Esa si que é unha manifestación de ciencia matemática: recoñecermos que somos un cero á esquerda... Pero Noso Pai Deus ámanos a cada un tal como somos; tal como somos! Eu, —e non son máis ca un pobre home— quérovos a cada un como sodes; imaxinade como será o Amor de Deus!, con tal de que loitemos, con tal de que nos empeñemos en pór a vida na liña da nosa conciencia, ben formada.

Notas
15

Ier II, 19.

16

1 Pet V, 9.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma