149

Plan de vida

Ao examinarmos como é e como debería ser a nosa piedade; en que puntos determinados debería mellorar a nosa relación persoal con Deus, se me entendestes, rexeitaredes a tentación de imaxinar fazañas insuperables, porque teredes descuberto que o Señor se contenta con que lle ofrezamos pequenas mostras de amor en cada momento.

Procura axustarte a un plan de vida, con constancia: uns minutos de oración mental; a asistencia á Santa Misa —acotío, se che é posible— e a Comuñón frecuente; acudir regularmente ao Santo Sacramento do Perdón —aínda que a túa conciencia non te acuse de falta mortal—; a visita a Xesús no Sagrario; o rezo e contemplación dos misterios do Santo Rosario, e tantas prácticas estupendas que ti coñeces ou podes aprender.

Non se han converter en normas ríxidas, coma compartimentos estancos; sinalan un itinerario flexible, acomodado a túa condición de home que vive no medio da rúa, cun traballo profesional intenso, e uns deberes e relacións sociais que non has descoidar, porque neses quefaceres continúa o teu encontro con Deus. O teu plan de vida ha ser como esa luva de goma que se adapta con perfección a man que a usa.

Tampouco me esquezas que o importante non consiste en facer moitas cousas; limítate con xenerosidade a aquelas que poidas cumprir cada xornada, con ganas ou sen ganas. Esas prácticas levarante case sen te decatar, á oración contemplativa. Abrollarán na túa alma máis actos de amor, xaculatorias, accións de grazas, actos de desagravio, comuñóns espirituais. E isto, mentres atendes ás túas obrigas: ao coller o teléfono, ao subir a un medio de transporte, ao pechar ou abrir unha porta, ao pasar por diante dunha igrexa, ao comezar unha nova tarefa, ao realizala e ao concluíla; referiralo todo ao teu Pai Deus.

Este punto noutro idioma