15
Sinceridade na dirección espiritual
Coñecedes dabondo as abrigas do voso camiño de cristiáns, que vos conducirán sen pausa e con sosego á santidade; estades tamén precavidos contra as dificultades, practicamente contra todas, porque se albiscan xa desde os principios do camiño. Agora insístovos en que vos deixedes axudar, guiar, por un director de almas, ao que confiedes todas as vosas ilusións santas e os problemas cotiáns que afecten á vida interior, as desfeitas que sufrides e as vitorias.
Nesa dirección espiritual mostrádevos sempre moi sinceros. Non vos concedades nada sen dicilo, abride por completo a vosa alma, sen medos nin vergonzas. Mirade que, se non, ese camiño tan chairo e carreteiro se enlea, e o que ao comezo non era nada, acaba converténdose nun nó que afoga. «Non pensedes que os que se perden caen vítimas dun fracaso repentino; cada un deles errou nos comezos do seu vieiro, ou ben descoidou longo tempo a súa alma, de xeito que se foi debilitando progresivamente a forza das súas virtudes e, pola contra, medrando aos poucos a dos vicios, deu en quebrantarse miserablemente... Unha casa non se derruba de súpeto por un accidente imprevisible: ou tiña algún defecto nos seus fundamentos ou o desleixo dos que a habitaban prolongouse por moito tempo, de xeito que os estragos en principio moi cativos foron corroendo a firmeza da armadura, polo que, cando chegou a tempestade e aumentaron as chuvias torrenciais, derruíuse sen remedio, poñendo de manifesto a antigüidade do descoido»20.
Acórdavos o conto do xitano que se foi confesar? Non pasa de ser un conto, unha chafallada, porque da confesión non se fala xamais, á parte de que eu estimo moito aos xitanos. Malpocado! Estaba arrepentido de veras: padre cura, acúsome de roubar unha trela... —pouca cousa, verdade?—; e detrás había unha mula..., e detrás outra trela...; e outra mula... E así, ata vinte. Meus fillos, o mesmo ocorre co noso comportamento: en canto concedemos a trela, vén despois o demais, vén a continuación unha reata de malas inclinacións, de miserias que envilecen e avergoñan; e outro tanto sucede na convivencia: comézase por un pequeno desaire, e remátase vivindo de costas, no medio da indiferenza mais xélida.
Casiano, Collationes, 6, 17, (PL 49, 667-668).
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/15/ (14-12-2025)