150
Descansade na filiación divina. Deus é un Pai cheo de tenrura, de infinito amor. Chámalle Pai moitas veces ao día, e dille —a soas, no teu corazón— que lle queres, que o adoras; que sentes o orgullo e a forza de ser fillo seu. Supón un auténtico programa de vida interior, que lle hai que dar canle a través das túas relacións de piedade con Deus —poucas, pero constantes, insisto—, que che permitan adquirir os sentimentos e as maneiras dun bo fillo.
Necesito previrte aínda contra o perigo da rutina —verdadeiro sartego da piedade—, que se presenta frecuentemente disfrazada con ambicións de realizar ou emprender xestas importantes, mentres se descoida comodamente a debida ocupación cotiá. Cando percibas esas insinuacións, ponte con sinceridade diante do Señor: pensa se non te terás fartado de loitar sempre no mesmo, porque non buscabas a Deus; mira se decaeu —por falta de xenerosidade, de espírito de sacrificio— a perseveranza fiel no traballo. Entón, as túas normas de piedade, as pequenas mortificacións, a actividade apostólica que non recolle un froito inmediato, aparecen como tremendamente estériles. Estamos baldeiros, e poida que comecemos a soñar con novos plans, para facer calar a voz do noso Pai do Ceo, que reclama unha total lealdade. E cun pesadelo de grandeza na alma, damos ao esquecemento a realidade máis certa, o camiño que sen dúbida nos conduce dereitos á santidade: claro sinal de que perdemos o punto de mira sobrenatural; o convencemento de que somos nenos pequenos; a persuasión de que o noso Pai obrará en nós marabillas, se recomezamos con humildade.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/150/ (14-12-2025)