151
Os paus pintados de vermello
Quedaron moi gravadas na miña memoria de neno aqueles sinais que, nas montañas da miña terra, colocaban á beira dos camiños; chamáronme a atención uns paus altos, ordinariamente pintados de vermello. Explicáronme daquela que, cando cae a neve, e cobre vereas, sementeiras e pastos, bosques, rochas e barrancos, esas estacas sobresaen como un punto de referencia seguro, para que todo o mundo saiba sempre por onde vai a rota.
Na vida interior, sucede algo semellante. Hai primaveras e veráns, pero tamén chegan os invernos, días sen sol, e noites orfas de lúa. Non podemos permitir que o trato con Xesucristo dependa do noso estado de humor, dos cambios do noso carácter. Esas posturas delatan egoísmo, comodidade, e abofé que non se compaxinan co amor.
Por iso, nos momentos de nevarada e de coriscada, unhas practicas piadosas sólidas —nada sentimentais—, ben enraizadas e axustadas ás circunstancias propias de cada un, serán como eses paus pintados de vermello, que continúan marcándonos o rumbo, ata que o Señor decida que brille de novo o sol, se derretan os xeos, e o corazón volva vibrar, acendido cun lume que en realidade non estivo apagado nunca: foi só rescaldo agochado pola cinza dunha tempada de proba, ou de menor empeño, ou de escaso sacrificio.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/151/ (14-12-2025)