152
Non vos escondo que, ao longo destes anos, achegáronseme algúns, e compunxidos de dor dixéronme: Padre, non sei que me pasa, atópome canso e frío; a miña piedade, antes tan segura e plana, paréceme unha comedia... Pois aos que atravesan esa situación, e a todos vós, lles contesto: unha comedia? Grande cousa! O Señor está xogando convosco como un pai cos seus fillos.
Lese nas Escrituras: ludens in orbe terrarum17, que El xoga en toda a redondez da terra. Pero Deus non nos abandona, porque inmediatamente engade: deliciae meae esse cun filiis hominum18, son as miñas delicias estar cos fillos dos homes. O Señor xoga connosco! E cando nos veña á cabeza que estamos interpretando unha comedia, porque nos sintamos xeados, desleixados; cando esteamos desgustados e sen vontade; cando nos resulte arduo cumprir o noso deber e acadar as metas espirituais que nos propuxeramos, soou a hora de pensar que Deus xoga connosco, e esperar que saibamos representar a nosa comedia con galladía.
Non me importa contarvos que o Señor, en ocasións, me concedeu moitas grazas; pero de ordinario vou a contrapelo. Sigo o meu plan non porque me guste, senón porque debo facelo, por Amor. Pero, Padre, pódese interpretar unha comedia con Deus?, non é unha hipocrisía? Queda tranquilo: para ti chegou o instante de participar nunha comedia humana cun espectador divino. Persevera, que o Pai, o Fillo e o Espírito Santo, contemplan esa comedia túa; realiza todo por amor a Deus, por agradarlle, aínda que a ti che custe.
Que bonito é ser xograr de Deus! Que fermoso recitar esa comedia por Amor, con sacrificio, sen ningunha satisfacción persoal, por agradar ao Noso Pai Deus, que xoga connosco! Encárate co Señor, e confíalle: non teño ningunhas ganas de ocuparme disto, pero ofrecereino por Ti. E ocúpate de verdade dese labor, aínda que penses que é unha comedia. Bendita comedia! Asegúrocho: non se trata de hipocrisía, porque os hipócritas necesitan público para as súas pantomimas. En cambio, os espectadores desa comedia nosa —déixame que cho repita— son o Pai, o Fillo e o Espírito Santo; a Virxe Santísima, san Xosé e todos os Anxos e Santos do Ceo. A nosa vida interior non encerra máis espectáculo ca ese: é Cristo que pasa quasi in occulto19.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/152/ (14-12-2025)