156

Continua a escena evanxélica: e enviaron discípulos seus — dos fariseos— con algúns herodianos que lle dixeron: Mestre4. Mirade con que retranca lle chaman Mestre; fínxense admiradores e amigos, dispénsanlle un tratamento que se reserva á autoridade da que se espera recibir unha ensinanza. Magister, scimus quia verax es5, sabemos que es veraz... que astucia tan infame! Vistes dobrez maior? Andade por este mundo con tino. Non sexades cautelosos, desconfiados; non obstante, debedes sentir sobre os vosos ombreiros —lembrando aquela imaxe do Bo Pastor que aparece nas catacumbas— o peso desa ovella, que non é unha alma soa, senón a Igrexa enteira, a humanidade enteira.

Ao aceptar con gallardía esta responsabilidade, seredes audaces e seredes prudentes para defender e proclamar os dereitos de Deus. E entón, pola enteireza do voso comportamento, moitos vos considerarán e vos chamarán mestres, sen que vós o pretendades: que non buscamos a gloria terrea. Mais non vos estrañedes se, entre tantos que se vos acheguen, se insinúen eses que só vos pretenden adular. Gravade nas vosas almas o que me escoitastes repetidas veces: nin as calumnias, nin as murmuracións, nin os respectos humanos, nin o que dirán, e moito menos as loanzas hipócritas, nos teñen que impedir xamais cumprir o noso deber.

Notas
4

Mt XXII, 16.

5

Ibidem.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma