157
Lembrádesvos da parábola do bo samaritano? Quedou aquel home tirado no camiño, malferido polos ladróns que lle roubaron ata o último céntimo. Cruzan por ese lugar un sacerdote da Antiga Lei e, pouco despois, un levita; os dous seguen a súa camiñada sen se preocupar. Pasou a continuación un viaxeiro, de nación samaritana, achegóuselle e, vendo o que sucedía, moveuse a compaixón. Arrimándose, vendou as feridas despois de telas limpado con aceite e viño, puxo ao enfermo sobre a súa cabalgadura, conduciuno ao mesón e coidou del en todo6. Decatádevos de que non é este un exemplo que o Señor expón só para poucas almas selectas, porque deseguido engadiu, contestando ao que lle preguntara —a cada un de nós—: anda, e fai ti o mesmo7.
Polo tanto, cando na nosa vida persoal ou na dos outros advirtamos algo que non vai, algo que necesita do auxilio espiritual e humano que podemos e debemos prestar os fillos de Deus, unha manifestación clara de prudencia consistirá en poñer o remedio oportuno, a fondo, con caridade e con fortaleza, con sinceridade. Non caben as inhibicións. É equivocado pensar que con omisións ou con retrasos se resolven os problemas.
A prudencia esixe que, sempre que a situación o requira, se empregue a medicina, totalmente e sen paliativos, despois de deixar ao descuberto a chaga. Ao notar os menores síntomas do mal, sede sinxelos, veraces, tanto se tedes que curar como se tedes que recibir esa asistencia. Neses casos tense que permitir, ao que se atopa en condicións de sandar en nome de Deus, que prema desde lonxe, e a continuación máis de preto, e máis de preto, ata que saía todo o pus, de xeito que o foco de infección quede ben limpo. En primeiro lugar temos que proceder así con nós mesmos, e cos que, por motivos de xustiza ou de caridade, temos a obriga de axudar: encomendo especialmente aos pais e aos que se dedican a tarefas de formación e de ensino.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/157/ (14-12-2025)