161
Non vos agocho que, cando teño que corrixir ou adoptar unha decisión que causará magoa, padezo antes, mentres e despois: e non son un sentimental. Consólame o pensar que só as bestas non choran: choramos os homes, os fillos de Deus. Entendo que en determinados momentos tamén vós teredes que pasalo mal, se vos esforzades en levar a cabo fielmente o voso deber. Non me esquezades que resulta máis cómodo —pero é un descamiño— evitar a toda costa o sufrimento, coa escusa de non desgustar ao próximo: frecuentemente, nesa inhibición agóchase unha vergoñosa fuxida da propia dor, xa que de ordinario non é agradable facer unha advertencia seria. Meus fillos, lembrádevos de que o inferno está cheo de bocas pechadas.
Escóitanme agora varios médicos. Perdoade o meu atrevemento se volvo a tomar un exemplo da medicina; poida que se me escape algún disparate, pero a comparación ascética vai. Para curar unha ferida, primeiro límpase ben, tamén arredor, desde bastante distancia. Dabondo sabe o cirurxián que doe; malia todo, se omite esa operación, máis doerá despois. Ademais, ponse deseguido o desinfectante: proe —pica, dicimos na miña terra—, mortifica, e non queda outra que usalo, para que a chaga non se infecte.
Se para a saúde corporal é obvio que se teñen que adoptar estas medidas, aínda que se trate de rozaduras de pouca categoría, nas cousas grandes da saúde da alma —nos puntos neurálxicos da vida do home— fixádevos se haberá que lavar, se haberá que rachar, se haberá que pulir, se haberá que desinfectar, se haberá que sufrir! A prudencia esíxenos intervir deste xeito e non rexeitar o deber, porque rexeitalo demostraría unha falta de consideración, e mesmo un atentado grave contra a xustiza e contra a fortaleza.
Persuadídevos de que un cristián, se de veras pretende actuar rectamente, cara a Deus e cara aos homes, necesita de todas as virtudes, polo menos en potencia. Padre, preguntarédesme: e das miñas fraquezas, que? Respondereivos: acaso non cura un médico que estea enfermo, aínda cando o trastorno que o magoa sexa crónico?; impediralle a súa enfermidade prescribir a outros enfermos a receita axeitada? Abofé que non: para curar, bástalle posuír a ciencia oportuna e poñela en práctica, co mesmo interese co que el combate a súa propia doenza.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/161/ (14-12-2025)