163
163 Et viam Dei in veritate doces13, ensinar, ensinar, ensinar: mostrar os camiños de Deus conforme á pura verdade. Non te ten que asustar que vexan os teus defectos persoais, os teus e os meus; eu teño o prurito de publicalos, contando a miña loita persoal, o meu afán de rectificar neste e naquel punto da miña pelexa por ser leal ao Señor. O esforzo por desterrar e vencer esas miserias será xa un xeito de indicar os vieiros divinos: primeiro, e a pesar dos nosos erros visibles, co testemuño da nosa vida; logo, coa doutrina, coma o Noso Señor, que coepi facere et docere14, comezou polas obras e máis tarde dedicouse a predicar.
Despois de confirmarvos que este sacerdote vos quere moito e que o Pai do Ceo vos quere máis, porque é infinita-mente bo, infinitamente Pai; despois de manifestarvos que nada vos podo botar en cara, se considero que teño que vos axudar a amar a Xesucristo e á Igrexa, o seu rabaño, porque nisto penso que non me gañades: emuládesme, pero non me gañades. Cando sinalo algún erro na miña predicación e nas charlas persoais con cada un, non é por facervos sufrir; móveme exclusivamente o afán de que amemos máis ao Señor. E, ao insistirvos na necesidade de practicar as virtudes, non perdo de vista que a min esa necesitade úrxeme tamén.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/163/ (14-12-2025)