165
A cada un o seu
Lede con atención a escena evanxélica, para aproveitar esas estupendas leccións das virtudes que teñen que alumar o noso modo de proceder. Rematado o preámbulo hipócrita e adulador, os fariseos e herodianos expoñen o seu problema: que che parece isto?: é lícito ou non pagar tributo ao César? 17. «Notade agora —escribe san Xoán Crisóstomo— a súa astucia; porque non lle din: explícanos que é o bo, o conveniente, o lícito, senón dinos que che parece. Estaban obsesionados en traizoalo e facelo odioso ao poder político18. Mais Xesús, coñecendo a súa malicia, respondeu: por que me tentades, hipócritas? Ensinádeme a moeda coa que se paga o tributo. E eles mostráronlle un denario. Xesús preguntou: de quen é esta imaxe e mais esta inscrición? Respondéronlle: do César. Entón replicoulles: pois dade ao César o que é do César, e a Deus o que é de Deus»19.
Xa vedes que o dilema é antigo, como clara e inequívoca é a resposta do Mestre. Non hai —non existe— unha contraposición entre o servizo a Deus e o servizo aos homes; entre o exercicio dos nosos deberes e dereitos cívicos, e os relixiosos; entre o empeño por construír e mellorar a cidade temporal, e o convencemento de que pasamos por este mundo como camiño que nos leva á patria celeste.
Tamén aquí se manifesta esa unidade de vida que —non me cansarei de repetilo— é unha condición esencial, para os que se intentan santificar no medio das circunstancias ordinarias do seu traballo, das súas relacións familiares e sociais. Xesús non admite esa división: ninguén pode servir a dous señores, porque ou terá aversión a un e amor ao outro, ou de se suxeitar ao primeiro, mirará con desdén o segundo20. A elección exclusiva que de Deus fai un cristián, cando responde con plenitude á súa chamada, empúxao a dirixir todo ao Señor e, ao mesmo tempo, a dar tamén ao próximo todo o que en xustiza lle corresponde.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/165/ (14-12-2025)