167
Deberes de xustiza con Deus e cos homes
Gravémonolo ben na nosa alma, para que se note na conduta: primeiro, xustiza con Deus. Esa é a pedra de toque da verdadeira fame e sede de xustiza23, que a distingue do balbordo dos envexosos, dos resentidos, dos egoístas e cobizosos... Porque negar ao Noso Creador e Redentor o recoñecemento dos abondosos e inefables bens que nos concede, agocha a máis tremenda e ingrata das inxustizas. Vós, se de veras vos esforzades por ser xustos, consideraredes frecuentemente a vosa dependencia de Deus —porque que cousa tes ti que non a recibiras?24—, para enchérmonos de agradecemento e de desexos de corresponder a un Pai que nos ama ata a loucura.
Daquela avivarase en vós o espírito bo de piedade filial, que vos fará tratar a Deus con tenrura de corazón. Cando os hipócritas susciten arredor de vós a dúbida de se o Señor ten dereito a pedirvos tanto, non vos deixedes enganar. Pola contra, poñerédesvos na presenza de Deus sen condicións, dóciles, como o barro nas mans do oleiro25, e confesarédeslle rendidamente: Deus meus et omnia!, Ti es o meu Deus e o meu todo. E se algunha vez chega o golpe inesperado, a tribulación inmerecida de parte dos homes, saberedes cantar con ledicia nova: fágase, cúmprase, sexa loada e eternamente enxalzada a xustísima e amabilísima Vontade de Deus, sobre todas as cousas. Amén, amén.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/167/ (14-12-2025)