168
As circunstancias daquel servo da parábola, debedor de dez mil talentos26, reflicten ben a nosa situación diante de Deus: tampouco nós contamos con que pagar a débeda inmensa que temos contraído por tantas bondades divinas, e que fomos acrecentando ao son dos nosos persoais pecados. Malia que loitemos con denodo, non conseguiremos devolver con equidade o moito que o Señor nos ten perdoado. Pero, á impotencia da xustiza humana, súplea dabondo a misericordia divina. El si que se pode dar por satisfeito, e remitirnos a débeda, simplemente porque é bo e infinita a súa misericordia27.
A parábola —lembrádelo ben— termina cunha segunda parte que é o contrapunto da anterior. Aquel servo ao que rematan de condonar unha morea de cartos, non se apiada dun compañeiro, que lle debía apenas cen denarios. É aí onde se pon de manifesto a mesquindade do seu corazón. Falando estritamente, ninguén lle negará o dereito a esixir o que é seu; malia todo, algo se revela en nós e suxírenos que esa actitude intolerante se afasta da verdadeira xustiza: non é xusto que quen, tan só un momento antes, recibiu un trato misericordioso de favor e de comprensión, non reaccione a lo menos cun pouco de paciencia cara ao debedor. Mirade que a xustiza non se manifesta exclusivamente no respecto exacto dos dereitos e deberes, como nos problemas aritméticos que se resolven a base de sumas e restas.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/168/ (14-12-2025)