171
Estamos obrigados a defender a liberdade persoal de todos, sabendo que Xesucristo é o que nos adquiriu esa liberdade30; se non actuamos así, con que dereito reclamaremos a nosa? Debe-mos difundir tamén a verdade, porque veritas liberabit vos31, a verdade libéranos, mentres que a ignorancia escraviza. Temos que soster o dereito de todos os homes a vivir, a posuír o necesario para levar unha existencia digna, a traballar e a descansar, a elixir estado, a formar un fogar, a traer fillos ao mundo dentro do matrimonio e poder educalos, a pasar serenamente o tempo da enfermidade ou da vellez, a acceder á cultura, a asociarse cos demais cidadáns para acadar fins lícitos, e, en primeiro termo, a coñecer e a amar a Deus con plena liberdade, porque a conciencia —se é recta— descubrirá as pegadas do Creador en todas as cousas.
Precisamente por iso, urxe repetir —non me meto en política, afirmo a doutrina da Igrexa— que o marxismo é incompatible coa fe de Cristo. Existe algo máis oposto á fe, que un sistema que todo o basea en eliminar da alma a presenza amorosa de Deus? Berrádeo moi forte, de xeito que se oia claramente a vosa voz: para practicar a xustiza non precisamos do marxismo para nada. Pola contra, ese erro gravísimo, polas súas solucións exclusivamente materialistas que ignoran ao Deus da paz, levanta obstáculos para acadar a felicidade e o entendemento dos homes. Dentro do cristianismo atopamos a boa luz que sempre dá resposta a todos os problemas: basta con que vos empeñedes sinceramente en ser católicos, non verbo neque lingua, sed opere et veritate32, non con palabras nin coa lingua, senón con obras e de veras: dicídeo, sempre que se vos presente a ocasión —buscádea, se cómpre—, sen reticencias, sen medo.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/171/ (14-12-2025)