173

A caridade, que é como un xeneroso desorbitarse da xustiza, esixe primeiro o cumprimento do deber: comézase polo xusto; continúase polo máis equitativo...; pero para amar requírese moita finura, moita delicadeza, moito respecto, moita afabilidade: nunha palabra, seguir aquel consello do Apóstolo: levade os uns as cargas dos outros e dese xeito cumpriredes a lei de Cristo35. Daquela si, xa vivimos plenamente a caridade, xa realizamos o mandato de Xesús.

Para min, non existe exemplo máis claro desa unión práctica da xustiza coa caridade, que o comportamento das nais. Aman con idéntico agarimo a todos os seus fillos, e precisamente ese amor impúlsaas a tratalos de modo distinto —cunha xustiza desigual—, xa que cada un é diverso dos outros. Pois, tamén cos nosos semellantes, a caridade perfecciona e completa a xustiza, porque nos move a conducirnos de maneira desigual cos desiguais, adaptándonos ás circunstancias concretas, co fin de comunicar alegría ao que está triste, ciencia ao que carece de formación, afecto ao que se sente só... A xustiza establece que se lle dea a cada un o seu, que non é igual que dar a todos o mesmo. O igualitarismo utópico é fonte das máis grandes inxustizas.

Para actuar sempre así, como as nais boas, necesitamos esquecernos de nós mesmos, non aspirar a outro señorío que o de servir aos demais, como Xesucristo, que predicaba: o Fillo do home non veu para ser servido, senón para servir36. Iso requi-re a enteireza de someter a propia vontade ao modelo divino, traballar por todos, loitar pola felicidade eterna e o benestar dos demais. Non coñezo mellor camiño para ser xusto que o dunha vida de entrega e de servizo.

Notas
35

Gal VI, 2.

36

Mt XX, 28.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma