175

Que Xesucristo é o noso modelo, e o de todos os cristiáns, coñecédelo perfectamente porque o tedes oído e meditado con frecuencia. Tédelo ensinado ademais a tantas almas, nese apostolado —trato humano con sentido divino— que xa forma parte do voso eu; e tédelo lembrado, cando era conveniente, servíndovos dese medio marabilloso da corrección fraterna, para que o que vos escoitaba comparase o seu comportamento co do noso Irmán primoxénito, o fillo de María, Nai de Deus e Nai nosa.

Xesús é o modelo. Dixo El: discite a me1, aprendede de Min. E hoxe desexo falarvos dunha virtude que sen ser a única nin a primeira, porén, actúa na vida cristiá coma o sal que preserva da corrupción, e constitúe a pedra de toque para a alma apostólica: a virtude da santa pureza.

Certamente, a caridade teologal móstrasenos como a virtude máis alta; pero a castidade resulta a condición sine qua non, un medio imprescindible para acadar ese diálogo íntimo con Deus; e cando non se garda, se non se loita, remátase cego; non se ve nada, porque o home animal non pode percibir as cousas que son do Espírito de Deus2.

Nós queremos mirar con ollos limpos, animados pola predi-cación do Mestre: benaventurados os que teñen puro o seu corazón, porque eles verán a Deus3. A Igrexa presentou sempre estas palabras como unha invitación á castidade. «Gardan un corazón san, escribe san Xoán Crisóstomo, os que posúen unha conciencia completamente limpa ou os que aman a castidade. Ningunha virtude lles é tan necesaria coma esta para ver a Deus»4.

Notas
1

Mt XI, 29.

2

1 Cor II, 14.

3

Mt V, 8.

4

San Xoán Crisóstomo. In Matthaeum homiliae, 15, 4 (PG 57, 227).

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma